O Día das Letras Galegas 2013
Unha placa lembra a casa onde naceu Roberto Vidal Bolaño, nunha praciña do barrio de Vista Alegre que, cando menos popularmente, pasou a chamarse Saxo Tenor, como unha das súas obras máis coñecidas. A descuberta da placa conmemorativa foi o primeiro dos actos que, con carácter institucional, tiveron lugar en Santiago para celebrar o Día das Letras Galegas.
En Vista Alegre, un barrio popular de Compostela, naceu hai 63 anos Roberto Vidal Bolaño. A placa que o alcalde de Santiago, Ángel Currás, descubriu en presenza da nai do autor homenaxeado, Carmen Bolaño, serviu tamén para que os veciños do barrio, agrupados na asociación A Braña de Andrés, reclamasen que a praciña á que ten porta a casa natal de Bolaño leve o nome dunha obra do escritor.
Unha obra, Saxo tenor, que sucede tamén nunha praciña na que se congregan xentes de variada condición. Antes de descubrir a placa, o alcalde de Santiago e o conselleiro de Cultura e Educación lembraron a aportación que Vidal Bolaño fixo «ao mundo da cultura desde o teatro». Tamén coincidiron en sinalar os dous a importancia que tivo o barrio de Vista Alegre na escrita e nos personaxes que aparecen ao longo da carreira do escritor.
0 comentarios